Vai que si

Por N. Pallares

Por todas ás que lle dixeron que non. Ás que calaron, claro, co asedio da respiración sempre na caluga, coas ameazas, cos castigos exemplares. Pero tamén ás que eclipsaron, ás que silenciaron con condescendencia interesada, con chantaxes, con paternalismos, coas violencias sutís de institución e de rúa en insoportable convivencia diaria. Por todas para ás que «éche o que hai» acabou sendo a frase recorrente coa que pechar as conversas, sobrevivir.

E tamén por todas as que dixeron que non. As que tiveron a valentía de confiar en si mesmas, de quererse e querer —o verdadeiro acto revolucionario— e fixeron diso o inicio de todo. Porque somos herdeiras de todas elas e porque o noso traballo só ten sentido na suma das vontades; por todas elas, por todas nós, por todas vós, naceu Laborando, a primeira Feira de Proxectos de Vida Feministas da Coruña. Unha iniciativa emocionante, heteroxénea —ou mellor dito diversa—, onde cada unha de nós, dende diferentes motivacións e perspectivas, fixo a súa particular achega para contrarrestar unha das moitas violencias machistas silenciosas: a económica, a profesional, a mercantilista.

Emocionounos a vosa resposta e, máis aínda, ver que vos emocionabades connosco. Quizais por todo isto, nesa celebración do empoderamento colectivo que acabou por ser a xornada do 26 de novembro no Mercado de San Agostiño, foi «sinerxia» a palabra máis repetida. «Somos fortes cando nos xuntamos», «grazas moitas por seres tecelás de redes a través das que xerar mutuo crecemento», deixastedes impreso no noso libro de visitas todas vós. Artistas, fiadeiras, educadoras, ciberactivistas, construtoras, economistas, escritoras, sexólogas, colleiteiras, emprendedoras, artesás, avogadas… e máis dos 3000 visitantes que, ao longo do día, alén das ocupacións e das etiquetas, quixestedes tomar parte deste repensar o mundo, deste camiñar outro sendeiro posible.

Tivemos tempo para todo; para asistir a unha decena de obradoiros, para compartir confidencias, cafés, reflexións e moitas tarxetas de visita, para atender aos medios nun intento de facer público o que a cotío pretenden que calemos, para admirar o arte que se fai en feminino na nosa propia galería creada para a ocasión e participar no noso particular mural da deconstrución de xénero e prexuízos, para coñecer a autoras estupendas no espazo literario da Livraría Suevia, para o descanso de bar, jam session e petiscos. En definitiva, para coñecernos e, sobre todo, recoñecernos.

Pero quizais faltounos ocasión de agradecer suficientemente o agarimo das vosas palabras, a vosa enerxía e disposición, a vosa vontade de seguir sementando feminismo por moi infértil que asemelle a terra. Así que, para todas vós, vai esta palabra de recoñecemento emocionado e o fondo desexo de seguir creando xuntas novos escenarios. Por todas vós, por todas nós, polas nosas fillas. Por moito que nos teñan dito que non, vai que si. Adiante, compañeiras.

 

 

 

 

 

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s